Estudante 1: Desculpade a interrupción pero
queremos anunciarvos que hoxe, 24 de
outubro, celebramos o Día das Bibliotecas
Escolares. É unha xornada establecida pola
IASL, sigla en inglés da Asociación
Internacional de Bibliotecas Escolares, e ten
como obxectivo concienciarnos sobre a
importancia das bibliotecas na educación da
mocidade. As bibliotecas son ese lugar de
encontro e saber onde conflúen o pracer da
lectura e mais a inquedanza por aprender dun
xeito diferente. Lembrade que na nosa
biblioteca temos un fondo de máis de dezaseis
mil libros e todos están alí, agardando por vós,
dispostos a que os abrades para contarvos
historias e transmitirvos coñecemento".
Estudante 2: Un dos autores que temos na
nosa biblioteca é o recente gañador do Premio
Nacional de Literatura Xuvenil, concedido
polo Ministerio de Cultura, o poeta galego
Antonio García Teijeiro. Se me permitides,
vouvos ler un poema seu, un fermoso texto
que nos fala do tremendamente
irresponsables que somos os seres humanos
no coidado da natureza (acabámolo de ver
tamén co desastre dos incendios forestais). O
poema describe unha paisaxe de pesadelo no
que a vida e a beleza desapareceron, por culpa
da contaminación humana:
QUE OCORRE NA TERRA?
Non hai follas verdes
nin perlas no mar,
areas nas praias
nin ondas de sal.
Xa non funga o vento
nin voa o pardal.
As flores non medran
nin quenta o verán.
As árbores perden
as pólas sen máis
e nos amenceres
o sol non está.
As nubes no ceo
están a falar,
e a lúa na noite
non quere alumar.
Que ocorre na terra?
Que ocorre, rapaz?
Se son pesadelos,
eu quero espertar.
Antonio García Teijeiro, Paseniño, paseniño (2003)